Nesta Olloclase contamos coa axuda do director de Arte Ángel Amaro e a directora de Estilismo Fany Bello. Da man deles aprenderemos a importancia de que todos os equipos creativos traballen de forma coordinada para así conseguir un aspecto visual da película consoante á historia.
Se non queres ampliar contidos, podes acceder xa á páxina de Actividades de Arte e Estética
Ampliación de contidos (non é necesario para facer as actividades)
Arte e estética
Esta Olloclase comeza con Ángel explicándonos que a escenografía é “a plástica do guión, o espazo onde transcorre o tempo do filme”, un elemento cinematográfico que debe estar intrinsecamente coordinado coa fotografía e iluminación, e que está constituído por Arte (localizacións, decorados, escenarios) e Estética (vestiario, maquillaxe e peiteado).
En xeral, como vimos no capítulo 1, cando bota a andar unha película o equipo de Dirección pónse en contacto co de Arte para transmitirlle a intención estética da película. Xuntos acordan un marco cromático e uns valores de iluminación, e froito disto establécese a paleta de cores que rexerá a elección de decorados, atrezos, vestiarios, etc. Fany Bello remarca que todos os elementos estilísticos deben estar ó servizo da historia.
Equipo de Arte
O/a director/a artístico/a é o xefe de Departamento e o responsable de crear a identidade visual da película. Para isto incorpórase nas primeiras etapas da Preprodución, creando a aparencia física dos personaxes e ambientes, elementos que supervisa durante a rodaxe.
O/a axudante da Dirección de Arte coordina o traballo d@ escenógrafo e decorador, profesionais que a miúdo proveñen do mundo da arquitectura.
Da dirección arte dependen tres equipos: rexeduría, que é o equipo que fabrica obxectos; atrezistas de avance, que van por diante da gravación cos seus construtores, prevendo o que se utilizará; atrezistas de rodaxe, que reparten a utilería en cada secuencia, vixiando en combo que todos os elementos están no seu sitio.
Cada elemento da posta en escena compre un rol específico e complementario.
A escenografía e a ambientación contextualizan a historia nun lugar e tempo determinado, a iluminación xera e transmite a súa atmosfera e o deseño de vestiario dota ós personaxes dunha determinada aparencia consecuente coa historia.
Equipo de Estética
O estilismo é o compendio de vestiarios e estéticas que contan a historia; non só as prendas senón o tipo de pelo, pel, os complementos… O principal rol do deseño de vestiario é construír a aparencia dos personaxes, cumprindo unha dobre función: estética e narrativa. Nun filme o vestiario non é un elemento artístico illado, senón que forma parte da posta en escena xunto coa arte e a fotografía, todo o cal configura o universo plástico da película.
O departamento de Estilismo contén á súa vez ós equipos de Vestiario e de Maquillaxe-Peiteado.
Vestiario é o responsable do deseño, as probas, o alugueiro, a compra e o coidado de todas as prendas e complementos. No equipo hai un/ha xefe/a (tamén chamado “deseñador” ou “figurinista”) e axudantes.
En Maquillaxe e Peiteado hai tamén un/ha coordinador, quen deseña todo, e del depende @ xefe de peiteado, cos seus axudantes, e @ maquillador/a. A veces, aclara Fany, hai posticeiros (bigotes, barbas ou perrucas postizas) e equipo de efectos especiais mecánicos (feridas, amputacións…) pero son equipo aparte.
Cando nunha produción audiovisual se respectan os tempos de traballo, existe unha reunión entre o equipo de Dirección e @ Xefe/a de maquillaxe e peiteado para transmitir a estética global do filme e acordar un deseño de vestiario. O equipo de Estética fai unha proposta tendo en conta que con ela vai describir o perfil psicolóxico, físico e social dos personaxes, situándoos nun determinado contexto temporal, espacial e dramático. Se hai que falar da historia dun home miserable, o seu pelo, a súa pel e todos os seus complementos han de ser tan pobres como o personaxe, porfía Fany Bello. Deste xeito, o vestiario cumpre unha función narrativa expresando parte da historia particular de cada personaxe, as súas afinidades, roles, gustos, idade, profesión, etc. Todo isto de forma paralela e coherente coa posta en escena do guión. O estilismo entrega información acerca do personaxe antes de que este diga o seu primeiro texto.
Como exemplo destas reunións previas, fala Ángel do caso de Crebinsky, de Quique Otero, unha historia moi plástica na que Amaro non sabería exactamente que facer se o equipo de Dirección non lle tivera transmitido o peculiar ton da historia. Os guionistas, o propio Otero e Miguel de Lira, crearan todo un Universo Crebinsky marcado profundamente por un surrealismo máxico no que ían ser fundamentais os traxes e complementos estéticos dos protagonistas, así como un conxunto de trebellos artístico-tecnolóxicos para decorar os espazos vitais nos que discorren as tolas aventuras dos irmáns Crebinsky. De feito, o filme comeza cunha animación en stop motion creada polo artista Juan Pablo Etcheverry, recurso visual que marca tanto a paleta cromática como o característico universo plástico da película.
A Esmorga, de Ignacio Vilar, é un caso semellante de preparación da arquitectura visual dunha película. Indica Ángel que todos os xefes de equipo leron co director o guión un mínimo de catro veces, para logo proceder a unha definitiva lectura conxunta. Aí, conclúe el, comezou a medrar a película.
Para rematar esta exposición, Fany insiste na importancia de que os departamentos estean traballando de xeito coordinado, poñendo o seguinte exemplo: supoñamos que hai un momento da historia que imos filmar en que vai caer un vaso de viño sobre alguén; todos os xefes de departamento se comunican entre eles, de xeito que cando se comeza a rodar o equipo de Vestiario sabe que debe ter preparada outra camisa, Arte sabe que ten que ter ese vaso, Maquillaxe está preparado para retocar…
Decorados
O/a profesional encargado/a da escenografía é o director artístico ou directora artística, e a súa función é, en acordo co director ou directora, documentarse para ser capaz de reproducir os escenarios e o ambiente. Máis tarde, traballará co iluminador e o resto dos compoñentes do departamento de Arte.
Os decorados constrúense pensando nos tiros de cámara e nos focos de luz. O truco máis usado é a cuarta parede: paredes móbiles que permiten sacar a cámara do decorado e facer tomas que nos convenzan de estar nun sitio real. “Todo é un truco, e o que dicimos sempre é: que non se vexa!”, indica Fany rindo.
O/a director/a artístico/a deseña e supervisa os decorados, que son construídos por un/ha xefa de decoración en colaboración con axudantes, carpinteir@s e pintor@s. Del ou dela depende a persoa encargada do atrezo ou utilería, quen busca os obxectos que aparecen no decorado: cadeiras, cadros, teléfonos, espadas, cigarros, alimentos, etc.
Cada espazo concreto no que se desenvolven as accións recibe o nome de localización. As localizacións poden ser naturais (exteriores e interiores ós que apenas se altera con pequenos retoques) ou decorados, construídos en parte ou por completo tanto en exteriores como en plató. Loxicamente, nas edificacións só precisan ser construídas as partes dos decorados que vaian verse en cadro.
Os elementos escenográficos utilízanse no cine desde sempre, tanto para a simulación de espazos “reais” como fantásticos. A elección do espazo pode ir, pois, desde a necesidade de reconstruír fielmente unha cidade (Santiago en “El fin del camino”, produción para TVE con dirección artística de Ángel Amaro) á construción de espazos totalmente simbólicos (decorado e estilismo de “Pedro y el capitán”, de Pablo Iglesias, con maquillaxe de Fany Bello; casa “Crebinsky”, de Enrique Otero, con arte de Ángel Amaro).
Podemos falar dunha certa tipoloxía dos decorados:
- Realistas, se a súa finalidade non é outra que a verosimilitude
- Impresionistas, expresionistas, surrealistas… termos de orixe pictórico que se empregan para describir decorados creados de xeito artificial para simbolizar a relación entre o ambiente e o estado de ánimo, a trama psicolóxica…
Os decorados poden completarse en ocasións con trucos como os cristais pintados con fondos ou paredes con zonas brandas para escenas de loita. En ocasións, por exemplo cando temos que representar cidades enteiras ou sufrir cataclismos, son reconstruídos como maquetas, reproducións a escala que posteriormente son integradas por efectos. Cada vez é máis frecuente recorrer a efectos dixitais xerados por ordenador, como foi o caso de El final del camino, a última serie na que traballaron Ángel e Fany.
Maquillaxe
Ó igual que no caso dos decorados, podemos atopar maquillaxes naturalistas ou máis efectistas; a miúdo a consigna é facer que a maquillaxe non se note, lograr “persoas normais”, o cal, suliña Fany, é o máis complexo de conseguir. Pón como exemplo o caso de Operación E, de Miguel Courtois, onde ela debeu facer que unha familia colombiana parecese estar vivindo na selva. Explica que a textura da pel e o pelo fixo que tivese que buscar trucos e artimañas para lograr ese efecto (ver imaxes en galería superior).
Efectos especiais
Un dos labores que ten un equipo de Arte é crear “efectos especiais” mecánicos, como lumes. Ángel Amaro conta o caso de A Esmorga, onde na famosa escena da augardente na palleira a larada foi reproducida con circuítos de gas para evitar ruídos que puidesen ensuciar os diálogos. Unha vez máis, pónse de manifesto a necesidade de colaborar entre equipos, pois a calidade que recolla o equipo de Son vai depender, neste caso, do enxeño do equipo de Arte.
Para finalizar este capítulo, Fany desentraña como fixo a maquillaxe na película Toro, de Kike Maíllo, unha historia trepidante que transcorre ó longo de 24 horas. Por razóns de Dirección, o filme foi gravado comezando polo final, en contra de raccord. O equipo de Maquillaxe tivo que pactar co director onde ía “colocarse” o sangue “seco” das feridas que sufría o protagonista, e conforme se avanzaba en rodaxe, ir volvéndoa aparentemente “fresca”.
Bibliografía:
El color y la luz como elementos de lenguaje. www.uhu.es 15/10/2016
La iluminacion en la fotografia. www.slideshare.net 15/10/2016
Teoría del color. Propiedades de los colores. www.desarrolloweb.com 15/10/2016
MITRY, J. (1999): Estética y psicología del cine. Madrid. Ed. Siglo XXI. 15/10/2016
CALDERÓN BILBAO, Mª del Pilar. El diseño de vestuario en cine. Tesis 2009 (Facultad de Artes, Dpto de Teatro. Univ. de Chile 15/10/2016
FERNÁNDEZ SANTOS, A. (2007): La mirada encendida. Escritos sobre cine. Barcelona. Ed. Debate. 15/10/2016