Festival Olloboi

rei-zentoloOlloboi é un proxecto sen ánimo de lucro desenvolvido desde 2010 pola asociación cultural do mesmo nome. O Festival Audiovisual Escolar Olloboi, dirixido a alumnado e profesorado dos centros escolares desde primaria a ensino superior,  transcorre nunha plataforma web os cinco primeiros meses do ano e culmina a última semana de maio con diversos actos presenciais: proxeccións, unha entrega de premios e un encontro de xoves creadores e creadoras, profesorado e profesionais do audiovisual. Trátase dun proxecto independente e sen ánimo de lucro que se nutre do traballo e a ilusión dos socios fundadores da Asociación Olloboi:

  • Susana Diz, licenciada en Belas Artes e experta en comunicación gráfica
  • Manuel Garrido, profesor de Plástica no IES Becerreá
  • Óscar Aguado, profesor de Informática no IES Chan do Monte, Marín
  • Ana Moreiras, profesora de Tecnoloxía no IESP A Cachada, Boiro
  • Manuel Álvarez, profesor de Plástica no CPI Eusebio Baleirón de Dodro

Somos un colectivo que canaliza a súa solidariedade a través da creatividade, por is organizamos cada ano este certame que premia a orixinalidade, arte e compromiso dos traballos de moitos futuros profesionais. Por repercusión e participación (máis de 100 inscritos de toda Galicia e 10 000 visitas na nosa web e redes sociais en cada unha das tres edicións anteriores) Olloboi é xa a maior plataforma da canteira do audiovisual galego.

Os custes do festival non son grandes porque capitalizamos o noso traballo (os propios organizadores creamos a aplicación web, levamos a comunicación e publicidade, producimos o evento e realizamos o grafismo) e porque contamos coa axuda desinteresada de moitos profesionais do mundo audiovisual: os Cómplices de Olloboi.

A pesar de que o núcleo de traballo somos 4 profesores e unha artista gráfica, cada ano son máis as colaboracións coas que contamos, e que enriquecen moito o resultado obtido:

  • Exalumnos e exparticipantes: moita xente achégase a nós ofrecendo a súa axuda, como é o caso de José Mato, enxeñeiro en Informática, Yaiza Vicente, graduada en Comunicación Audiovisual, Laura Triñanes estudante de Imaxe e Son e os estudantes Xurxo Nine e Dioni Espinal. Asemade, os días do “Encontro Olloboi” contamos coa colaboración duns vinte rapaces e rapazas de Boiro e Dodro (centros colaboradores)
  • Profesionais do audiovisual e a cultura galega: nas últimas 5 colaboraron con nós diversos realizadores (Alfonso Zarauza, Luis Avilés, Enrique Otero), escritores (Agustín Agra e Andrés Mahía), actores e actrices (Miguel de Lira, Antonio Durán Morris, Karra Elejalde, Mónica García, X.A. Touriñán, Federico Pérez, Sabela Hermida, Sabela Arán, Camila Bossa, etc), xestores audiovisuais (Manolo González, María Yáñez, Carlos Ares); produtores (Jorge Boquete e Javi Lopa, de Bravú Producións)
  • Escola de Música de Boiro, quen amenizou musicalmente a Gala de Entrega de Premios da edición 2016
  • “Profesorado cómplice” en diversos centros de Galicia
  • Pequenas e medianas empresas e comercios da Arousa: foron, ata o de agora, quen sustentaron o proxecto e quen nos permitiron agasallar cun trofeo a cada gañador e gañadora que asistiron á Entrega de Premios. Sentimos que en certa forma, o noso proxecto fai a súa entrañable e auténtica aportación á cohesión social e contribúe a vertebrar o uso do audiovisual no sistema educativo.
  • Concello e Centro Social de Boiro, quen na edición 2016 proporcionaron unha axuda económica a través da Consellería de Xuventude e colaboraron na organización de proxeccións e na difusión do evento
  • Academia Galega do Audiovisual, con quen  xa estamos en contacto a través da iniciativa de Rede de Festivais Galegos