(Películas) Prácticas

Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: En Liña (IES Cacheiras, gañador do premio Olloboi Fotoxénico 2016) ou A Xustiza pola man (animación do IES As Barxas, premiada co Olloboi Animado 2015). Despois da descrición dos vídeos, atoparás unhas preguntas que che servirán de guía.

.

A curta En Liña está creado por tres alumn@s de 4º ESO na antiga materia optativa Linguaxe audiovisual. Todo el proceso está creado por eles e a ambientación musical está composta e interpretada por unha alumna do CMUS de Santiago. Foi distribuída por festivais e recibiu, ata hoxe, tres premios: o de Olloboi, o 1º Premio en CINEMA JOVE de Valencia e 0 2º Premio Península de CINEDFEST. Foi seleccionada finalista e proxectada en FESTICORTOS de Arxentina, MICE de Valencia e Kontrabando de Palma de Mallorca.

A animación A Xustiza pola man foi realizada por un grupo de rapazas de Debuxo Artístico; a mecánica deste tipo de animación é sempre similar: partindo dun poema fan o story board e planifícase o movemento das figuras ou elementos que haberá no escenario. A continuación fan o que se chama animatic, debuxo dos fondos e elementos por separado, para logo manipulalos por ordenador con programas de edición fotográfica (Gimp) e animación (After Effects CS5, Flash ou Synfig Studio). Finalmente, montan os debuxos no editor de vídeo, engádese o audio, e axústanse os tempos dos planos para adecualos ó ritmo. Todo o que se fai na aula publícase (desto encárgase o alumnado de 4º): fanse carteis para o centro e a vila de Moaña, publicidade na rede, inscrición en festivais… Esta obra e as paralelas gañaron varios premios Olloboi, o FICde BUEU á mellor curta escolar cunha rotoscopia, premio de Simo como mellor proxecto audiovisual, prmio GSD Innova ó labor da Produtora Barxas TV, premio EducaBarrie, etc.


Cuesións guía para análise

  1. Na Olloclase de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, fálase todo o tempo de dous tipos de produción diferentes: unha de gran equipo, cos seus departamentos correspondentes (Produción, Dirección, Fotografía, Arte e Estética, Son) e outra máis autoral ou experimental, de pequeno equipo. Identifica os posibles equipos de traballo na curta que escolliches.
  2. Na curta hai unhas claras decisións con respecto a iluminación, tamaño de planos, cromaticidade. Cres que estes aspectos están intimamente relacionados co que suxire o guión da historia? modificarías algo?
  3. As interpretacións son esaxeradas, temperamentais, ou pola contra son naturalistas e discretas? (na animación entendemos por interpretación a xestualidade escollida para as ilustracións)
  4. O son da película axuda ou impide entender a historia? cambiarías algo ó respecto?
  5. As curtas foron distribuídas en diferentes circuítos: localiza a súa traxectoria, e anota as referencias web dos festivais en que tiveron presencia.

2. Creación

A proposta que che facemos debería de realizarse logo de ver o resto dos capítulos e indagar acerca do traballo que se fai dende as diferentes áreas do audiovisual. Evidentemente, trátase de que vos organicedes para crear unha película, A VOSA PELÍCULA!!

Se botastes un ollo ó resto dos capítulos xa tivestes oportunidade de ver que todas as prácticas versan sobre o tema dos mercados locais e prazas de abastos. Se no voso centro non estades con ningún proxecto particular, este pode ser un estupendo campo de traballo. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais para seren gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Así que deseñade un produto que se adecúe ós vosos intereses, e lembrade que, como tanto insisten os realizadores Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, todo é cuestión de tomar decisións:

  • O argumento da historia: ficción ou non ficción? xénero cinematográfico?
  • A linguaxe de planos: branco e negro ou cor? cores cálidos ou fríos? imaxes con moita ou pouca profundidade de campo? fragmentación e planos curtos ou tomas longas, planos secuencia?
  • A arte e estética: depende da paleta de cores previamente escollida e da historia. Decorados naturalistas ou expresionistas? efectos especiais en maquillaxe ou aspecto natural?
  • O son: naturalista ou con efectos? con ou sen música?
  • As interpretacións: en base a guión ou espontáneas? moi ensaiadas ou máis frescas? naturais ou histriónicas?
  • A montaxe: fragmentada, rápida ou sintética e tranquila? lineal ou non lineal? con elipses?

Para rematar, imos pedirvos un favor: difundide a vosa curta nas redes co cancelo #aprendoconolloboi e, por suposto, inscribídevos no próximo Festival Olloboi!