Aprendo con Olloboi

Que é Aprendo con Olloboi

Aprendo con Olloboi é un repertorio de recursos didácticos online que dan a coñecer o proceso cinematográfico en todas as súas fases, da preprodución á distribución, aportando exemplos do audiovisual galego. A documentación que elaboramos organízase por capítulos estruturados en torno a unha charla (a Olloclase) impartida por profesionais de renome do noso panorama cultural.

A nosa intención é que logo de facer as actividades que propoñemos o alumnado ou afecionad@ teña unha idea aproximada de como se fai unha película, e sexa capaz de realizar a súa propia obra.

Na filosofía de Aprendo con Olloboi subxace unha dobre perspectiva: a de xénero e a de formato.

Consideramos que é preciso reivindicar maior presencia da muller no audiovisual e contribuír a visibilizala alén do eido da interpretación, o estilismo e a asistencia técnica. Cómpre aumentar o número de mulleres que aporten a súa mirada como creadoras de proxectos e deseñadoras de contidos.

En canto ó formato, queremos dar testemuño da existencia de diversas correntes de creación audiovisual, fuxindo do monolitismo do cine comercial ou da dicotomía ficción-non ficción.

Polas razóns anteriores, nas Olloclases falan un experto e unha experta no tema, aportando diferentes e enriquecedores puntos de vista (agás no capítulo de BSO, onde tivemos a torpeza de non atopar ningunha muller co perfil que buscabamos).

Cada Olloclase compleméntase cun conxunto de actividades interactivas e unha proposta de análise fílmica baseada en produtos escolares audiovisuais galegos: para nós é un obxectivo fundamental difundir as creacións da xente da canteira e contribuír a realizar cine en galego.

 

O noso consello é que se sigan os temas na orde que propoñemos. Para profes hai unha guía didáctica ó principio de cada unidade, e para alumnado o camiño é, en cada capítulo, acceder primeiro á olloclase, (só é preciso ver os vídeos, as explicacións teóricas son complementos para quen queira profundizar nos contidos), logo ás actividades, e finalmente ás prácticas e análise fílmica.

  1. Olloboi CC By -SA
    Olloboi CC By -SA
     A vida dunha película: descricións das fases do proceso produtivo, desde a concepción da idea ata a distribución da obra. Eleccións éticas e estéticas. Explícannolo @s realizadores Alfonso Zarauza e Jaione Camborda
  2. Guión: consideracións sobre estrutura, argumento e personaxes nos guións de ficción e non ficción. Cóntannolo @s guionistas Araceli Gonda, Andrés Mahía e Xosé Castro "Pato"
  3. Composición: formatos, principios básicos da composición fotográfica da película e iluminación. Fálannos do tema @s directores de foto Alberte Branco "Bertitxi" e Lucía C. Pan
  4. Arte e estética: a plástica dunha película: cromatismo, decorados, localizacións, estilismo. Fálanos disto Ángel Amaro, director de Arte, e Fany Bello, xefa de estilismo.
  5. BSO: a recollida do audio na gravación e a posterior incorporación de sons e músicas. Para este capítulo temos ó técnico de son David Machado e o realizador e músico Quique Otero
  6. Interpretación: como elixir o noso reparto e como construír un personaxe: técnicas, consellos e experiencias da man da directora de casting e asistenta de dirección Sandra Montes e o guionista e actor Miguel de Lira
  7. Planos: o momento da gravación e as decisións sobre a composición de planos (tamaños, movementos de cámara, angulación e puntos de vista). Este tema preséntannolo @s realizador@s Giselle Llanio e Luís Avilés
  8. Montaxe: estratexias e experiencias relativas á montaxe de continuidade. Cóntannolo @s realizador@s e montador@s Sandra Sánchez e Jorge Coira
  9. O noso audiovisual: unha visión da historia do audiovisual en Galicia desde a dobre óptica da ficción e a non ficción. Falan o guionista e presidente da AGA Carlos Ares e a profesora e produtora Beli Martínez
Que atopamos en cada capítulo
  • Un apartado "profes" cunha introdución teórica dirixida exclusivamente a profesorado. Nela xustifícase teoricamente a pertinencia do tema en canto a contidos, a razón pola que se escolleron os vídeos aportados para a análise, e unha  explicación do porque d@s olloprofes que falan en cada vídeo. A continuación lémbrase, en cada unidade, como temporalizar os contidos, e finalmente proponse unha rúbrica para cualificar as prácticas do alumnado (se ben para nós non é o sistema ideal). En último lugar, específicanse os estándares de aprendizaxe que se tratan no tema.
  • Un apartado "Olloclase", proposta didáctica en forma de videotitorial ou charla onde expert@s de cada área falan baseándose nas súas producións (achegamos unha adaptación nosa do CV de cada olloprofe). Para facilitar a asimilación dos contidos, tralo vídeo engadimos unha exposición teórica que combina o escoitado na olloclase e os conceptos máis importantes da unidade. Pecha este apartado unha escolma bibliográfica.
  • Un apartado "Actividades", con exercicios interactivos e autoavaliables baseados en propostas audiovisuais (contidos multimedia h5p).
  • Un apartado "Prácticas" que contén unha parte de análise fílmica (propóñense dúas producións audiovisuais de entre as que gañaron as diversas edicións de Olloboi) e outra de creación. Danse pautas ó alumnado para axudarlle a levar tanto a análise como as prácticas.

Guía de uso

Como indicamos con anterioridade, o ideal é seguir as unidades na orde preestablecida, e ir realizando as actividades e prácticas suxeridas en cada unha.

A duración das Olloclases (vídeocharlas a cargo de expertos do audiovisual) é de 30 minutos aproximadamente, polo que nunha clase dá tempo a visualizar o vídeo e logo facer as actividades. A continuación suxerimos adicar unha sesión á análise fílmica (no apartado Prácticas). Nesa sesión poden verse os traballos que incluímos en cada capítulo e logo proporcionamos unha guía de cuestións para axudar ó alumnado a facer a análise. Cremos moi interesante facer unha reflexión conxunta final.

As sesións adicadas ás prácticas dependen da dispoñibilidade do centro e do tipo de proxectos que se estean realizando. Nós baseámonos sempre nun proxecto común: o mercado local ou feira. Como explicamos en cada capítulo, nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais que gravar, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

A falta dun proxecto específico nos centros, poden realizarse as prácticas sobre a nosa proposta. Todas elas conducen á elaboración dunha curta final, práctica que corresponde á unidade 1, que é a que fala do proceso global de facer unha película.

Aínda que non somos moi adeptos á estandarización do nivel de adquisición da aprendizaxe, máxime en cuestións artísticas, engadimos en cada capítulo unha rúbrica para axudar a avaliar cada práctica. Trátase dunha folla de cálculo inserida desde Google Drive, co cal pode ser copiada, pegada e modificada no propio Drive de cada profesor ou profesora. As porcentaxes están calculadas de xeito diferente en cada rúbrica, así que hai que ser coidadoso á hora de cambiar os conceptos. Nesas rúbricas valoramos a adquisición dos contidos de cada unidade, a súa aplicación práctica, e nos casos en que se presenta un informe escrito, a súa correcta redacción e respecto ás normas ortográficas.

Entendemos que en moitos tipos de producións audiovisuais non se traballa en equipo, polo que nese caso as rúbricas terán que ser adaptadas. Para iso, abonda con seleccionar, nas columnas finais, a opción “o alumno colaborou activamente na entrega do material”. Noutros casos acontece que a práctica que se propón debe dividirse en subgrupos (arte e estética, casting e interpretación, etc) ou que non é sinxelo facela en equipo (montaxe): cada profe pode adaptar como considere preciso o material a estes casos, e mesmo aplicar a rúbrica independentemente.

Na primeira unidade ofrécese unha visión xeral do que é facer unha película, tanto desde o punto de vista dunha produción de gran equipo como desde o dunha máis experimental (este tipo de pequenas producións é máis adaptable á natureza da maioría das obras escolares). Recomendamos comezar por esa Olloclase (charla de Alfonso Zarauza e Jaione Camborda) porque fan unha síntese marabillosa de todo o proceso audiovisual. O alumnado pode facer as actividades interactivas a continuación e tamén a proposta de análise, pero non así a de práctica, pois, como xa indicamos, esta é o punto final do proceso. De feito a rúbrica desta práctica é a máis esixente e complexa.

A partir desta primeira unidade vanse analizando todas as fases da produción: a escritura do guión, a elección do tipo de composición, o aspecto artístico e estético, o casting e as interpretacións, a sonorización, a planificación da gravación e finalmente a montaxe.

Todas as prácticas están relacionadas entre si de xeito que ó final do proceso se chegue á elaboración dun único produto: a nosa película.

A última unidade é un repaso á historia do audiovisual galego, unha vez máis, vista desde dúas ópticas ben diferentes: a dun produtor e guionista de TV (Carlos ares, actualmente presidente da Academia Galega do Audiovisual) e a dunha profesora e produtora situada no entorno do novo cinema galego. Nesta unidade ofrecemos actividades interactivas e análise fílimica, pero xa non unha proposta práctica, pois non tería sentido.

 


Fundamentos teóricos 

É indubidable que na sociedade de hoxe en día o manexo da linguaxe audiovisual é esencial para o desenvolvemento dunha personalidade civicamente activa e crítica; poderiamos facer unha analoxía coa lectoescritura a mediados do século pasado, e de igual xeito, considerar que a alfabetización básica de hoxe se sustenta no dominio de técnicas e elementos propios da comunicación con imaxe e o son. Sen embargo, rañando en profundidade, podemos comprobar que o paralelismo non é integral: se ben é imposible escribir sen saber ler, si que é factible comprender calquera mensaxe audiovisual, e mesmo crear unha, sen dominar con propiedade os elementos básicos da linguaxe. Se consultamos ó profesorado máis implicado nesta área veremos que coinciden no mesmo: damos por feito que os rapaces e rapazas dominan a linguaxe ó velos utilizaren constantemente ferramentas dixitais (fotos do Instagram ou Facebook, vídeos en Youtube ou Vine), pero se as miramos con detemento comprobaremos que os encadramentos están mal seleccionados, enfocan mal e non respectan as leis compositivas. A miúdo as imaxes que difunden non contan o que eles quixeran que conten. Estamos nunha situación equivalente á dun alumnado prematuramente desescolarizado que puidese ler a duras penas e escribe mesturando maiúsculas e minúsculas e cometendo todo tipo de atropelos ortográficos.

Por outra banda, que o audiovisual é unha ferramenta pedagóxica potente é incuestionable: filmes históricos, documentais científicos ou de natureza, a versión orixinal, etc, son recursos que veñen sendo utilizados con éxito nas diferentes materias do ensino dende hai trinta anos, e coas novas técnicas dixitais, o seu uso vai ir en aumento (podemos imaxinar a incontable cantidade de recursos que propiciará o desenvolvemento da realidade virtual? recreacións históricas, simulación de fenómenos microscópicos, etc).

Pero alén deste uso pasivo do cine, se buscamos unha verdadeira aprendizaxe significativa podemos obtela transformando o rol do alumnado de espectador a creador. As novas narrativas dixitais abren portas á metodoloxía de proxectos en calquera materia, pero non abonda con apañar un dispositivo dixital e premer o botón rec: é preciso coñecer as regras da composición audiovisual para crear mensaxes cunha intención determinada, pois a intención do audiovisual é, non o esquezamos, comunicar. Existen xa moitos e moi reputados exemplos deste tipo de traballo: guionización e edición de curtas tipo documental (histórico, medioambiental, social), uso de vídeos para contar experimentos na aula ou retransmitir eventos deportivos, creación de videopoemas, elaboración de videotitoriais para explicación do funcionamento de elementos mecánicos, linguaxes de programación, etc…  Sirva como exemplo a canle de Youtube Cliphistoria, do profesor e erudito Manolo Gonazález.

Finalmente, é deplorable o descoñecemento que o alumnado ten da historia do audiovisual en xeral e do caso galego en particular. A idiosincrasia do espectador adolescente é a do follower de Youtubers, Viners ou series web. Por suposto, estes novos formatos son moi interesantes, pero resulta indispensable coñecer a historia para poder ter criterio. Particularmente no caso de Galicia, moi poucos rapaces e rapazas poden nomear películas ou series que deron renome á nosa industria audiovisual, e dubidamos que sexan quen de invocar a máis de cinco profesionais do sector.

Con Aprendo con Olloboi pretendemos contribuír a paliar estas eivas e axudar a alfabetizar audiovisualmente ó alumnado galego, tanto no tocante a conceptos instrumentais como a nocións básicas de cultura galega. A nosa obriga como docentes é preparar ó alumnado para unha sociedade plural, dixital e hipercomunicada onde o dominio das TIC lle abrirá camiños profesionais. Neste sentido, o audiovisual galego xoga un rol importante, e non só como elemento transmisor de cultura: hai apenas quince anos este era un sector industrial estratéxico polo que se apostaba desde as institucións, e chegou a constituír unha porcentaxe significativa do PIB. Restaurar esta situación, contribuír a revitalizar a oferta de emprego do noso país e dar unha opción á xuventude para que non teña que someterse á sangría da emigración forzada, é a nosa obriga como cidadáns e formadores.