1. Análise fílmica
Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: Change that tune (da FCSC Pontevedra e gañador do premio Olloboi Universitario 2016) e Os camiños esquencidos (do IES Poeta Díaz Castro, Guitirize, gañador do premio Olloboi DOC 2016). Escolle un deles e responde ás cuestións que aparecen logo da descrición dos vídeos.
.
Change that tune é unha curta realizada por Lucía Estévez, interpretada polo bailarín Miguel Sestelo e musicada polo compositor Davide González, alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. Entre outros grados, ten o de Comunicación Audiovisual, que capacita graduad@s para desenvolveren de xeito óptimo tarefas de guión, dirección, realización audiovisual, produción, xestión, edición e deseño de postprodución en medios audiovisuais convencionais e multimedia.
A curta Os camiños esquencidos foi escrita, producida e realizada por un grupo de 15 rapaces e rapazas de 3º e 4º ESO que realizaron un obradoiro audiovisual. Partiron dun proceso de documentación histórica e literaria dos últimos 100 anos, en paralelo á vida do poeta de Guitiriz que protagoniza a obra. Trátase dun proxecto colectivo no que o alumnado participa segundo as súas habilidades e capacidades e o profesorado como axudante de produción e con postos de reparto. Toda a ambientación musical foi creada e interpretada polo alumnado do centro. A curta foi distribuída por festivais e acadou o 1º premio OUFF Escola 2015 e Premio Olloboi 2016.
Cuestións guía para análise fímica
- Valora o tipo de composición que se realiza na curta en xeral. Cres que están equilibrados os elementos (persoas, obxectos) en escena?
- Escolle un encadramento concreto no que estimes que hai demasiados elementos (captura o fotograma): que suxerirías para melloralo?
- Atopa algún momento da curta en que na composición destaque un elemento específico, ben por enfoque ben por iluminación. Captura o fotograma
- Localiza un instante no que se exemplifique correctamente o uso da lei dos terzos. Captúrao, e axudándote dun programa de edición, superpón a reixiña para demostralo. Podes valerte desta que fixemos en Olloboi
- Identifica un fotograma ou secuencia onde se aprecie que se respecta a lei da mirada.
2. Proposta práctica
Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais susceptibles de seren gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.
A vosa práctica consiste en facer un dossier de imaxes para documentarnos antes de comezar a ensaiar e facer as gravacións. Particularmente debedes escoller a un vendedor ou vendedora que poida ser personaxe da historia que estamos creando. Podedes usar un móbil (hoxe en día pódese facer fotografía creativa con eles). Tedes que presentar un documento coas seguintes fotos e a correspondente xustificación escrita das mesmas:
- Un encadramento xeral equilibrado (do mercado ou dun posto)
- Un encadramento xeral desequilibrado (do mercado ou dun posto)
- Un personaxe/obxecto destacado por enfoque selectivo
- Unha composición na que estea un vendedor/a respectando a regra dos terzos.
- Unha composición na que haxa un obxecto e non se respecte a regra dos terzos por unha razón xustificada
- Unha composición cunha persoa falando ou movéndose onde se respecte a lei da mirada
- Unha composición con profundidade de campo (xustificar que e por que se enfoca)
- Unha composición sen profundidade de campo (xustificar por que non se enfoca nada en concreto)
- Unha composición fóra do mercado na que se respecte a lei do horizonte
- Unha mesma composición en branco e negro, cores neutras, cores frías e cores cálidas. Describir as diferentes sensacións que produce