(Montaxe) Profes

Esta Olloclase é ben interesante e mostra como a capacidade narrativa dun montador/a é unha das súas calidades principais: con sinxeleza e ritmo, Sandra Sánchez e Jorge Coira aportáronnos interesantes claves para afrontar a montaxe en continuidade dunha película, facendo fincapé no tipo de fragmentación, no ritmo, na duración dos planos, no tempo psicolóxico… unha delicia de charla para quen queira afondar no concepto da montaxe e non limitarse a pegar planos! Un interesante complemento para esta charla pode ser a curta Cosas de Kulechov , da galega Susana Rey, que xoga co famoso efecto realizando unha orixinal montaxe sobre gravacións de festas de Galicia.

A razón de incluír a Jorge Coira e Sandra Sánchez nas nosas Olloclases foi a súa enorme preparación (do que son mostra os numerosos recoñecementos nacionais e internacionais en ambos casos) e ó seu complementario punto de vista: Sandra opta nas súas obras persoais por unha montaxe máis sintética, apelando ó ritmo interno dos planos e á transmisión de emocións a través de recursos creativos. De Jorge temos visto produtos con montaxe máis fragmentada e analítica, a pesar de que é un xenio dos planos secuencia.

Como en todas as unidades, recomendamos adicar unha sesión á proxección da Olloclase e a continuación elaborar as actividades para reforzar o visto no vídeo. Ofrecemos dous tipos de contidos, interactivos ambos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación da mesma.

Nunha segunda sesión habería que acceder ó capítulo de Prácticas, onde propoñemos dúas pezas audiovisuais que gañaron no seu momento premios no Festival Olloboi. Escollemos estas porque nos pareceron representativas do tema en cuestión: neste capítulo as curtas Un caso aparte (EEI de Xustáns) e Désprestige, Deseducaacción (IES A Cachada). A primeira é unha simpática curta de ficción protagonizada por nenos e montada polo profesor; no noso xuízo, coa súa montaxe consegue un ton de suspense e comicidade moi difícil de lograr en gravacións deste estilo. No segundo caso estamos ante un traballo documental; a montaxe é máis sintética do que analítica e con uso de moitos planos recurso: un estilo completamente diferente.

Suxerimos que na aula se vexan ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.

Finalmente, propoñemos unha práctica que sirva de concreción dos contidos vistos na Olloclase. Entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular; nós baseámonos na creación dunha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Cada práctica pode ser avaliada a través da rúbrica que engadimos a continuación, aínda que nos permitimos suxerir que se faga unha valoración máis cualitativa do que este tipo de instrumentos estandarizados ofrece.

Para rematar, incluímos os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave que corresponden a este tema.

NOME da UNIDADE
OBX
CONTIDOS
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
COMPETENCIAS CLAVE
8. MONTAXE 

Tipos de montaxe, ritmo, fragmentación, elipses, discontinuidades
e

g

i
B2.14. Linguaxe multimedia como ferramenta de traballo.
B2.11. Comprender os fundamentos da linguaxe multimedia, valorar as achegas das tecnoloxías dixitais e ser capaz de elaborar documentos mediante este.
EPVA B2.11.1. Elabora documentos multimedia para presentar un tema ou proxecto, empregando os recursos dixitais de xeito axeitado.
CD