(Interpretación) Profes

Neste capítulo aprenderemos algo máis sobre os diferentes estilos de interpretación e o que se debe ter en conta á hora de presentarse a un casting. Para isto contamos coa experiencia do actor Miguel de Lira, quen nos falará do proceso creativo que viviu con con algún d@s director@s cos que colaborou; Sandra Montes, asistente de Dirección e directora de casting explicaranos pola súa parte como conseguir dos intérpretes que dean o rexistro que se espera deles. A razón desta escolla de olloprofes foi a de dar unha dobre perspectiva en canto á actuación: a do “dirixido” e a do “director”. Sandra e Miguel levan traballado xuntos en moitos proxectos desde que no 1997 se coñeceran en Mareas Vivas, e a súa complicidade profesional pareceunos moi enriquecedora para falar do tema.

Como en todas as unidades, recomendamos adicar unha sesión á proxección da Olloclase e a continuación elaborar as actividades para reforzar o visto no vídeo. Ofrecemos dous tipos de contidos, interactivos ambos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación da mesma.

Nunha segunda sesión habería que acceder ó capítulo de Prácticas, onde propoñemos dúas pezas audiovisuais que gañaron no seu momento premios no Festival OlloboiPersoas (IES Cacheiras) e Tourettes (CIFI A Farixa, Ourense), ambas bos exemplos de interpretación xa que contan cun reparto profesional. Na primeira os actores e actrices estiveron dirixidos por alumnado sen experiencia, o cal valora o profesor como moi enriquecedor para o alumnado, pois enfrontándose á situación da posta en escena aprendeu de contado. Na segunda tócase un tema delicado, o da enfermidade mental, e para documentarse o director estivo en contacto cunha asociación ourensá. Obviamente, isto ten unha repercusión nas interpretacións que é interesante apreciar.

Suxerimos que na aula se vexan ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.

Finalmente, propoñemos unha práctica que sirva de concreción dos contidos vistos na Olloclase. Entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular; nós baseámonos na creación dunha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitas persoas que gravar, e, se tedes algunha feira cerca, mesmo animais; nos mercados atoparemos unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden nestes lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Cada práctica pode ser avaliada a través da rúbrica que engadimos a continuación, aínda que nos permitimos suxerir que se faga unha valoración máis cualitativa do que este tipo de instrumentos estandarizados ofrece.

Para rematar, incluímos os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave que corresponden a este tema.

NOME da UNIDADE
OBX
CONTIDOS
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
COMPETENCIAS CLAVE
6. INTERPRETACIÓN Construción de personaxes, técnicas formación, racord emocional
e

g

i
B2.14. Linguaxe multimedia como ferramenta de traballo.
B2.11. Comprender os fundamentos da linguaxe multimedia, valorar as achegas das tecnoloxías dixitais e ser capaz de elaborar documentos mediante este.
EPVA B2.11.1. Elabora documentos multimedia para presentar un tema ou proxecto, empregando os recursos dixitais de xeito axeitado.
CD