(Guión) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: O bucle das Zamburiñas (gañador do premio Olloboi Ficción 2012) e MIA-Módulo Intelixente Artificial (IES A Cachada, gañador do premio Olloboi Ficción 2016)

Logo das descricións dos vídeos, atoparás unhas cuestións guía que che poden axudar a facer a análise.

.

O bucle das zamburiñas é unha simpática e sinxela curta elaborada por dous rapaces da Coruña que, fartos de preparar Selectividade, discorreron este enxeñoso guión que cómpre todos os requisitos dun traballo de ficción: conflito, suspense, punto de xiro.

MIA (Módulo Intelixente Androide) é unha curta elaborada por alumnado do IES A Cachada para a materia de Tecnoloxía, 4ºESO. Marta, Pablo e Moraima, neste caso, guionizaron, gravaron e montaron o material pola súa conta, coa única consigna de que a temática debía ser o conflito Tecnoloxía-Ética. O vídeo enmárcase nun proxecto de maior envergadura (STARcach) no que se ofreceu unha pequena formación audiovisual ó alumnado fóra das horas de clase. Este proxecto (e os vídeos a el asociados) valéronlle e recoñecemento dos Premios EducaCompostela 2016.


Cuestións para a análise fílmica

  1. Identifica os “actos” que ten a curta que escolliches
  2. Cal é o conflito principal da historia, o que dá pé á acción?
  3. Aínda que existe moita controversia á hora de clasificar o xénero das películas, soe dicirse que existen dous grandes grupos de obras: non ficción e ficción, e fálase de 14 tipos de xénero (que poden mesturarse entre si): documental, biográfico, histórico, musical, comedia, infantil, western, aventura e acción, bélico, ciencia-ficción, drama, suspense, terror, porno-erótico. A que xénero pertence a curta que escolliches? Paréceche que está ben escollido, tendo en conta os recursos (escenarios, interpretacións, medios técnicos de gravación) cos que contaron (aparentemente) para a curta?
  4. Describe psicoloxicamente un personaxe da curta e pensa se coñeces xente así ó teu redor. É crible? Cambiaríaslle algo?
  5. Escolle un minuto da curta e elabora o guión literario da mesma (lembra: letra courer new 12, parágrafo centrado, descrición da localización, iluminación, personaxes, e diálogos).

2. Creación

Este é o comezo de toda historia. O primeiro que temos que plantexarnos é qué queremos contar, e escribir unha sinopse. Logo da sinopse virá un tratamento (localizacións, personaxes, duración). Finalmente, faremos un guión literario (lembra que existen unhas convencións para redactalo -tipo de letra, etc-).

Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais para seren gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

A vosa práctica consiste en crear un guión dunha historia que transcorrerá no entorno dun mercado, sendo un dos personaxes (como mínimo) un vendedor ou vendedora. Pedímosvos un guión máis ou menos clásico, con presentación, tres actos, puntos de xiro e desenlace, e cun conflito claro. Teredes que entregar unha sinopse (un parágrafo), tratamento (unhas 200-300 palabras, indicando que acontecerá no 1º, 2º e 3º acto) e guión literario (entre 5 e 15 folios con letra courer new, 12, parágrafo centrado, isto é, unha curta de duración estimada 5-15 minutos). No guión deben constar as diferentes secuencias, a localización prevista das mesmas, e os personaxes que aparecen en cada secuencia. Unha desas secuencias poderá ser entregada logo como separata para un casting

Recomendamos que a historia sexa de ficción, pero mesmo no caso de que busquemos un documental puro convén ter un guión previo (neste caso, a diferencia de na ficción, aproximado) do que acontecerá na nosa curta.