(Audiovisual) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: Seminario 5 (primeiro episodio da web serie do IES As Barxas, premiada dúas veces no Olloboi -Fotoxenia 2015 e Zamburrioi 2016-) e Homenaxe á muller traballadora (IES de Arzúa, gañador da categoría Olloboi Peleón 2016)

 

Seminario 5 é unha actividade do Departamento de música do IES As Barxas, Moaña, dirixida polo profesor Seso Durán. Foi creada polo grupo de 1º Bach da materia de música do curso 2014 – 2015, concibida como actividade para articular a música producida por ese grupo durante o curso, así como de iniciación á produción de audio. A medida que ía avanzando a pre-produción foise integrando alumnado doutros cursos e a xente do pobo de Moaña: policías, salóns de peiteado… Foi distribuída on line.

Homenaxe á muller traballadora é un proxecto audiovisual colectivo levado a cabo por alumnas e ex-alumnas do IES de Arzúa co obxectivo de abordar a efeméride, o oito de marzo (Día internacional da muller) dun xeito lúdico e reflexivo. Nunha primeira fase, o alumnado de 4ºda ESO traballou a parte argumentativa recollendo datos e estadísticas relevantes; a continuación, escolléronse dous poemas, da alumna María Aguión e da ex-alumna Iria Carreira. O alumnado elaborou entón o guión técnico, que foi axustado pola ex-alumna e licenciada en Comunicación audiovisual María José Pérez e pola propia coordinadora do proxecto, Sabela Fernández.  A terceira fase consistiu en gravar as secuencias e locutar con voz en off: este proceso durou tres días. Finalmente, M.J. Pérez fixo a montaxe final. O vídeo foi difundido a través das redes sociais, da prensa e da radio local.


Cuestións para guía audiovisual

  1. Os dous traballos escollidos para esta sección simbolizan dous estilos de facer cine en Galicia historicamente: traballo documental, maiormente de denuncia ou relato social, e ficción, que en Galicia atopa a súa máxima expresión en series para a TVG. O produto que escolliches representa adecuadamente a estes dous grandes tipos de produción? por que?
  2. Durante os anos 80 Galicia foi escenario dun movemento de creación de videoarte: que elementos desta inflúen na peza que escolliches?
  3. Como cres que repercute o tipo de audiovisual que consumimos hoxe masivamente (series en canles online, TV de pago, cine de grandes áreas comerciais) no produto que escolliches?
  4. Cres que na peza que escolliches se reflicte a realidade galega actual?
  5. Cres que a lingua galega tivo importancia na creación destas pezas audiovisuais? Cres que ten a mesma que no panorama audiovisual actual?