Chegamos ó final!
Esta última Olloclase é unha charla sobre a historia do noso audiovisual, enfocada, unha vez máis, desde o dobre punto de vista do xénero e o contido (ficción e non ficción). Carlos Ares, guionista e presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Beli Martínez, profesora de Comunicación Audiovisual e produtora, farán un breve repaso pola historia do audiovisual galego co ánimo de enriquecer o noso punto de vista e animarnos a crear.
Se non queres ampliar contidos, podes acceder xa á páxina de Actividades de O noso audiovisual.
Ampliación de contidos (non é necesario para facer as actividades)
A primeira película rodada en España foi Entierro del General Sánchez Bregua, 1897. O seu autor era o francés afincado en Galicia Joseph Sellier. A cinta, que duraba 1 minuto e estaba gravada a 16 imaxes por segundo, foi rodada cunha toma única, plano frontal.
Pioneir@s
Nos 70 existiu unha prolífica produción audiovisual galega en formatos non comerciais como o Super 8 ou 16mm, que propiciou que a finais dos 70 aparecesen as primeiras longametraxes en 35 mm da man de colectivos como Lupa, Enroba ou Imaxe, así como das primeiras produtoras galegas (NÓS) e distribuidoras (Rula).
Cine e política deron en mesturarse dando lugar a dúas correntes de opinión que en certo modo prevalecen ata hoxe:
- debe o cine profesionalizarse como sector?
- ou indagar en formatos experimentais ó servizo das loitas populares?
Anos 80
En ausencia de apoio institucional, nos anos 80 a produción cinematográfica centrouse na videocreación e a experimentación. A aparición da TVG no 1985, tan agardada polos creadores galegos, non contribuiu á potenciación do sector audiovisual.
No 1989 albíscase unha recuperación do sector coa creación do CGAI e a Escola de Imaxe e Son da Coruña, e a aparición das que se consideran as primeiras longametraxes autenticamente galegas:
- Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo G. Pinal
- Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro
- Continental, de Xavier Villaverde
TVG – A galega
Inaugurou as súas emisións o 24 de xullo de 1985 coa retransmisión en directo dos actos do Día do Apóstolo en Santiago. O 25 de xullo emitiu a súa primeira película, a curtametraxe Mamasunción de Chano Piñeiro.
Malia a ser concibida como instrumento de normalización lingüística e cultural, achácaselle falta de compromiso real co panorama audiovisual galego.
TVG ficción: a Galega
Dende 1985, CRTVG produce e coproduce diversas series de ficción. Entre 1988 e 1990 foi consolidándose con cada vez maiores índices de audiencia, obtendo un máximo histórico no 1999 con Mareas Vivas (47%).
Hoxe en día, a TVG non realiza ningunha produción por si soa, e traballa en coprodución con empresas como Videovoz, O Correo Galego, Ficción, Zenit, Portocabo, Zopilote…
Cine na actualidade
A creación no 2008 da Axencia Galega do Audiovisual, dirixida por Manolo González, supuxo un forte estímulo á aparición de novos talentos e á produción de todo tipo de formatos: curtas, longametraxes, web series…
Por primeira vez na historia, os criterios das axudas á Produción puxeron o acento en Galicia.
Unha das apostas da Axencia Audiovisual foi Flocos, portal que chegou a recompilar máis de trescentas producións.
A finais de febreiro de 2011, pechouse a Axencia e mais Flocos.
Novas contornas creativas
A progresiva diminución de investimento no audiovisual incide en todos os ámbitos creativos: as películas ven reducidos os seus orzamentos, a ficción televisiva sofre enormes presións en canto á duración e produción de cada capítulo e non se estimula a aparición de novos creador@s.
Neste marco, o xurdimento de iniciativas que fomenten contextos de exploración e creación son, a pesares da falta de orzamento, a gasolina do sector.
Festivais como Carballo Interplay, laboratorios como o Chanfaina Lab e encontros para xoves creador@s como o noso Olloboi son hoxe máis precisos que nunca.