(BSO) Profes

Con este tema pretendemos facer reflexionar ó alumnado sobre a importancia que ten coidar o son (e os silencios) na gravación dunha película: os diálogos, as voces, o rango dinámico, todo debe estar ó servizo de contar unha historia. Asemade, é fundamental entender que a música nunca debe ser escollida simplemente por “tapar” unha mala gravación. Escoitando ó director e músico Enrique Otero e ó técnico de son David Machado aprenderemos que o fundamental do son é que arroupe as interpretacións e o guión.

Neste punto cumpriría explicar por que non contamos cunha muller técnica de son: a realidade é que non coñecemos a ningunha. Por outra parte, os pefís profesionais de Enrique e David cubrían a maioría dos aspectos dos que queriamos falar: traballaron en produtos de industria e en obras autorais; deseñaron o son integramente en diferentes pezas; Enrique compuxo músicas; David traballou en proxectos internacionais; os dous obtiveron numerosos recoñecementos polo seu labor en diferentes áreas (Enrique como director de cine, como músico e como realizador de videoclips levou un Mestre Mateo e varios recoñecementos internacionais; David como técnico obtivo o Mestre Mateo e o Goya).

Como en todas as unidades, recomendamos adicar unha sesión á proxección da Olloclase e a continuación elaborar as actividades para reforzar o visto no vídeo. Ofrecemos dous tipos de contidos, interactivos ambos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación da mesma.

Nunha segunda sesión habería que acceder ó capítulo de Prácticas, onde propoñemos dúas pezas audiovisuais que gañaron no seu momento premios no Festival Olloboi: a curta A Escaleira (CPI A Lama) e Música Doméstica (Alfonso Merino). A primeira é unha obra feita coa axuda do programa Cinema en curso, así que temos nela un precioso exemplo do cine que se pode facer nas aulas. Como peza de animación que é, o son engadido xoga un papel fundamental para dar realismo á historia. Música Doméstica é un exemplo perfecto do uso do son no cine: como o seu autor explica, optou con esta peza por inverter o proceso creativo e partir dos sons na montaxe, adecuando as imaxes ó ritmo que creou gravando diferentes obxectos de uso cotián.

Suxerimos que na aula se vexan ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.

Finalmente, propoñemos unha práctica que sirva de concreción dos contidos vistos na Olloclase. Entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular; nós baseámonos na creación dunha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Cada práctica pode ser avaliada a través da rúbrica que engadimos a continuación, aínda que nos permitimos suxerir que se faga unha valoración máis cualitativa do que este tipo de instrumentos estandarizados ofrece.

Para rematar, incluímos os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave que corresponden a este tema.

NOME da UNIDADE
OBX
CONTIDOS
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
COMPETENCIAS CLAVE
7. MÚSICA E SON. Diálogos, voces en off, efectos sala, silencios, música
e

g

i
B2.14. Linguaxe multimedia como ferramenta de traballo.
B2.11. Comprender os fundamentos da linguaxe multimedia, valorar as achegas das tecnoloxías dixitais e ser capaz de elaborar documentos mediante este.
EPVA B2.11.1. Elabora documentos multimedia para presentar un tema ou proxecto, empregando os recursos dixitais de xeito axeitado.
CD