(BSO) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: A Escaleira (CEIP A Lama, gañador do premio Olloboi Fotoxénico 2014) ou Música Doméstica (Alfonso Merino, gañador do premio Olloboi Zamburrioi 2014). Escolle un deles e axúdate das cuestións que aparecen logo da descrición das curtas para realizar a túa videoanálise.

 

A Escaleira é un proxecto elaborado polo CEIP A Lama ó abeiro do proxecto Cinema en Curso, organizado polo CGAI. Nel teñen especial importancia os diálogos entre os personaxes, que foron gravados tras varios ensaios cos meniños e meniñas. Son tamén moi curiosos os “efectos sala” que o propio alumnado realizou.

Música Doméstica é unha curta elaborada por Alfonso Merino para as súas aulas en Comunicación Audiovisual da UVI. Con este traballo pensou en dar a volta á orde na que normalmente se “constrúe” o audiovisual, e partir do son no canto de na imaxe. Alfonso aproveitou os seus coñecementos de música para “compoñer” un tema rítmico cos sons da casa na que vivía. Escolleu obxectos e gravounos mentres soaban, fixo unha pista de audio sen imaxes mesturando os distintos sons e por último engadiu as imaxes. Na maioría das películas a banda sonora (diálogos, música e efectos) traballa para complementar as imaxes: neste caso a banda sonora é a protagonista e as imaxes serven simplemente para que se poida identificar a fonte de cada son, e de paso amosar que se pode facer música con calquera cousa das que temos tod@s pola casa: papeleiras, portas, caixóns, etc…


Cuesións guía para análise

  1. Unha BSO é a relación harmónica dos elementos sonoros dunha película: diálogos, voces, efectos sala, músicas… cres que no caso da túa curta a sonorización está lograda? por que?
  2. Os efectos sala son ruídos que se meten a posteriori dunha gravación para dar verosimilitude á acción. Cres que están ben os da obra que escolliches? Como os mellorarías?
  3. A música da curta acompaña á historia ou sácanos dela?
  4. Hai algún silencio con significado dentro da acción?
  5. Cres que se cobre todo o rango dinámico na curta, ou está acentuada só unha porción?

2. Creación

Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais que gravar, unha gran variedade cromática e, sobre todo, un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Nesta práctica tedes que coller os vosos aparatos de son (gravadoras portátiles e cámara, cámaras de vídeo con micro ou sen micro, móbiles) e construír un dossier de sons do mercado (como mínimo 7, como as notas do noso sistema musical). Como fixo Alfonso Merino na súa curta Música Doméstica, gravaredes obxectos que producen ruído rutineiro e que se poden atopar nas feiras e mercados.

Os sons que gravedes teredes que subilos a un portal Creative Commons de sons, como por exemplo Freesound. Ós vosos profes tedes que entregarlles un dossier onde estean clasificados os sons recollidos, xustificada a súa pertinencia co tema escollido (o argumento da historia sobre a que esteades traballando) e os links dos arquivos na plataforma libre na que traballades.

Recomendámosvos gravar planos cun sentido estético na súa composición (ver capítulo 3), e que exista variedade de tamaños e angulacións cando sexa procedente (ver capítulo 7), pois con eses sons e imaxes pedirémosvos, no capítulo 8, que montedes unha peza ó estilo da de Alfonso Merino. Esa pequena montaxe será utilizada para os títulos de crédito da vosa curta, e os sons poderán empregarse como efectos sala na montaxe final.

Convén que na vosa visita ó mercado ou feira reflexionedes sobre o ruído ambiente para telo previsto á hora de realizar gravacións nel, como se vos pedirá no próximo capítulo.