(Arte) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: Contedor munisipal (CPIP Eusebio Lorenzo Baleirón, Dodro, gañador do premio Olloboi Cómico 2015) ou Composclick (CPI San Vicente, a Baña, gañador do premio Olloboi Escolar 2015).

Escolle un deles e responde ás cuestións que aparecen a continuación.


Contedor Munisipal é unha curta elaborada polo alumnado de 3º da ESO do CPIP Eusebio L. Baleirón para denunciar, con humor, o deterioro ambiantal das brañas de Dodro, as máis grandes de Galicia. No CPIP Eusebio L. Baleirón traballan conxuntamente os departamentos de Educación Plástica-Audiovisual e Música: parten dun tema musical coñecido escollido polos rapaces e rapazas e ó longo do primeiro trimestre trabállase a adaptación da música e letra nas clases de Música. Durante outro trimestre, nas aulas de EPV elabórase o guión técnico, fanse as gravacións (acompañan sempre os profes responsables) e finalmente móntase o material nas propias aulas.


Cuestións guía para a análise fílimica

  1. Describe a escenografía xeral da curta que escolliches. Cres que as localizacións, decorados ou escenarios están ben escollidos?
  2. A cromatografía ou paleta de cores de cada curta é consensuada entre o equipo de Dirección e o de Arte, e ten que ver co ton da historia que se conta: cres que está ben elixida na curta que elixiches?
  3. Atrezo ou utilería son os elementos que conforman a escena onde se grava: escolle unha secuencia da curta e analiza os que ves. Botas algún en falta, ou cres que algún non é pertinente?
  4. Valora o estilismo dos personaxes na curta que escolliches. Está logrado o seu aspecto físico? é natural? é convincente?
  5. Hai algo que cambiarías no vestiario, peiteado ou maquillaxe dos personaxes?

2. Creación

Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais susceptibles de ser gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Neste caso a práctica consiste en reproducir un posto de venta e crear o estilismo do vendedor ou vendedora. Tratarase dun decorado interior ou exterior no que se reproduza integramente a utilería ou atrezo dun posto de venta real, deixando lugar para os tiros de cámara e para a ubicación de focos e/ou palios. O estilismo d@ vendedor deberá reproducir fielmente o dunha persoa real da que se aportará imaxe fotográfica, preferiblemente unha imaxe das do dossier pedido no capítulo Composición.