(Guión) Profes

Neste segundo capítulo do Aprendo con Olloboi tocamos o tema das historias. O primeiro paso para facer unha curta é ter algo que contar. Nisto insiste moito o noso olloprofe Xosé Castro “Pato”, quen xunto ó seu socio Andrés Mahía e á guionista freelance Araceli Gonda, van destripando aqueles aspectos que eles máis coidan nun guión: a presencia do conflito, os puntos de xiro, os personaxes, as historias….

Como en todas as unidades, recomendamos adicar unha sesión á proxección da Olloclase e a continuación elaborar as actividades para reforzar o visto no vídeo. Ofrecemos dous tipos de contidos, interactivos ambos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación da mesma.

Nunha segunda sesión habería que acceder ó capítulo de Prácticas, onde propoñemos dúas pezas audiovisuais que gañaron no seu momento premios no Festival OlloboiO bucle das Zamburiñas e MIA. A primeira foi elaborada por alumnado de 2º BAC e parécenos unha proposta simple, enxeñosa e eficaz falando de guión. A segunda, elaborada por alumnado de 4º da ESO, corresponde a unha estrutura máis traballada e clásica, e ofrece interés pola súa orotodoxia.

Suxerimos que na aula se vexan ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.

Finalmente, propoñemos unha práctica que sirva de concreción dos contidos vistos na Olloclase. Como explicamos en todos os capítulos, entendemos que cada centro terá o seu proxecto particular; nós baseámonos na creación dunha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais para seren gravados, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Cada práctica pode ser avaliada a través da rúbrica que engadimos a continuación, aínda que nos permitimos suxerir que se faga unha valoración máis cualitativa do que este tipo de instrumentos estandarizados ofrece.

Para rematar, incluímos os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave que corresponden a este tema.

NOME da UNIDADE
OBX
CONTIDOS
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
COMPETENCIAS CLAVE
4. GUIÓN
e

g

i
B2.14. Linguaxe multimedia como ferramenta de traballo.
B2.11. Comprender os fundamentos da linguaxe multimedia, valorar as achegas das tecnoloxías dixitais e ser capaz de elaborar documentos mediante este.
EPVA B2.11.1. Elabora documentos multimedia para presentar un tema ou proxecto, empregando os recursos dixitais de xeito axeitado.
CD