(Audiovisual) Profes

Da man do presidente da Academia do Audiovisual, o guionista Carlos Ares, e da profesora e produtora Beli Martínez, próxima ós e ás creador@s de novo cinema galego, faremos un repaso dos fitos da historia do noso audiovisual, comprendendo que temos unha variedade e riqueza que é mester conservar e impulsar.

Como en todas as unidades, recomendamos adicar unha sesión á proxección da Olloclase e a continuación elaborar as actividades para reforzar o visto no vídeo. Ofrecemos dous tipos de contidos, interactivos ambos: nivel básico e avanzado. Corresponde a cada profesor/a escoller que nivel corresponde ó seu alumnado; na nosa estimación, de 4º ESO en adiante parece máis oportuno o avanzado. En todo caso, o nivel básico pode ser útil como actividade de reforzo. Complemento á Olloclase son os apuntamentos que hai a continuación da mesma.

Nesta última unidade a realización da análise fílmica non nos parece tan importante, pero pese a todo escollemos dúas pezas que, para nós, son testemuña dos dous diferentes espíritos de cine na Galicia actual. Ambas gañaron no seu momento premios no Festival Olloboi. Son Seminario 5 (IES As Barxas), un capítulo dunha serie cunha factura case profesional, ó estilo das producións que vemos a cotío na Galega; e Homenaxe á muller traballadora (IES Arzúa), unha obra de corte máis experimental, con poesía, denuncia e case docuficción. Dous traballos interesantes que cómpre ver e valorar nas súas similitudes e diferencias, como propoñemos nas cuestións guía da análise.

Suxerimos que na aula se vexan ambas pezas e que o alumnado se axude das cuestións guía que hai a continuación para realizar a análise fílmica dunha das obras que propoñemos. Sería recomendable facer, ó final da sesión, unha valoración conxunta destas análises.

Nesta unidade non procede facer unha práctica.

Para rematar, incluímos os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, estándares de aprendizaxe e competencias clave que corresponden a este tema.

 

NOME da UNIDADE
OBX
CONTIDOS
CRITERIOS DE AVALIACIÓN
ESTÁNDARES DE APRENDIZAXE
COMPETENCIAS CLAVE
9. HISTORIA DO AUDIOVISUAL GALEGO

Dos devanceiros (s. XIX) á actualidade, da ficción á non ficción
a

c

d

f

h

i
B2.13. Cine. O cine como medio de comunicación
B2.10. Apreciar a linguaxe do cine analizando obras de xeito crítico, situándoas no seu contexto histórico e sociocultural, e reflexionando sobre a relación da linguaxe cinematográfica coa mensaxe da obra.
EPVA B2.10.1. Reflexiona criticamente sobre unha obra de cine, situándoa no seu contexto e analizando a narrativa cinematográfica en relación coa mensaxe.
CCEC