1. Análise fílmica
Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: Seminario 5 (primeiro episodio da web serie do IES As Barxas, premiada dúas veces no Olloboi -Fotoxenia 2015 e Zamburrioi 2016-) e Homenaxe á muller traballadora (IES de Arzúa, gañador da categoría Olloboi Peleón 2016)
Seminario 5 é unha actividade do Departamento de música do IES As Barxas, Moaña, dirixida polo profesor Seso Durán. Foi creada polo grupo de 1º Bach da materia de música do curso 2014 – 2015, concibida como actividade para articular a música producida por ese grupo durante o curso, así como de iniciación á produción de audio. A medida que ía avanzando a pre-produción foise integrando alumnado doutros cursos e a xente do pobo de Moaña: policías, salóns de peiteado… Foi distribuída on line.
Homenaxe á muller traballadora é un proxecto audiovisual colectivo levado a cabo por alumnas e ex-alumnas do IES de Arzúa co obxectivo de abordar a efeméride, o oito de marzo (Día internacional da muller) dun xeito lúdico e reflexivo. Nunha primeira fase, o alumnado de 4ºda ESO traballou a parte argumentativa recollendo datos e estadísticas relevantes; a continuación, escolléronse dous poemas, da alumna María Aguión e da ex-alumna Iria Carreira. O alumnado elaborou entón o guión técnico, que foi axustado pola ex-alumna e licenciada en Comunicación audiovisual María José Pérez e pola propia coordinadora do proxecto, Sabela Fernández. A terceira fase consistiu en gravar as secuencias e locutar con voz en off: este proceso durou tres días. Finalmente, M.J. Pérez fixo a montaxe final. O vídeo foi difundido a través das redes sociais, da prensa e da radio local.
Cuestións para guía audiovisual
- Os dous traballos escollidos para esta sección simbolizan dous estilos de facer cine en Galicia historicamente: traballo documental, maiormente de denuncia ou relato social, e ficción, que en Galicia atopa a súa máxima expresión en series para a TVG. O produto que escolliches representa adecuadamente a estes dous grandes tipos de produción? por que?
- Durante os anos 80 Galicia foi escenario dun movemento de creación de videoarte: que elementos desta inflúen na peza que escolliches?
- Como cres que repercute o tipo de audiovisual que consumimos hoxe masivamente (series en canles online, TV de pago, cine de grandes áreas comerciais) no produto que escolliches?
- Cres que na peza que escolliches se reflicte a realidade galega actual?
- Cres que a lingua galega tivo importancia na creación destas pezas audiovisuais? Cres que ten a mesma que no panorama audiovisual actual?