(Montaxe) Prácticas

1. Análise fílmica

Propoñémosche que analices un dos seguintes vídeos: Un caso aparte (EEI de Xustáns, Ponte Caldelas, gañador do premio Olloboi Orixinal 2015) ou Désprestige, DéseducAcción (IES A Cachada, gañador do premio Olloboi Peleón 2014).

A continuación da descrición dos vídeos, tés unhas preguntas que poden servirche de guía.

 

Un caso aparte é un traballo elaborado por Iago Manoel Souto en homenaxe á escola unitario onde estudou, e que fechou as súas portas no curso 2015/16. A idea de Iago era crear unha historia cómica na que o alumnado desfrutase actuando pero sen complicacións de texto. Escribiu o guión pensando nos tiros de cámara e gravou en apenas dúas horas, xusto a tempo para exhibila ó día seguinte. Iago estudou o Grao de Comunicación Audiovisual e cos seus coñecementos sobre planos e montaxe, e unha ración de moi bo gusto, fixo un produto áxil e divertido, onde a música (CC) acompaña a acción e diferencia as distintas partes da trama: inicio, no e desenlace.

Désprestige, DéseducaAcción é un documental elaborado polo alumnado de 3º e 4º da ESO do IES A Cachada para dar testemuño dos actos de conmemoración do afundimento do Préstige en 2002. Para montar esta peza utilizaron entrevistas que gravaron ese mesmo día, imaxes de arquivo e unha gravación das escenificacións levadas a cabo en Laxe. Todo o material foi montado por unha alumna de 3º, Sara Hermo.


Cuestións guía para a análise

  1. A montaxe da peza que escolliches é de tipo narrativo (descrición lineal de secuencias) ou expresivo (non hai continuidade temporal na narración dos actos)? Por que cres que se escolleu este tipo de montaxe?
  2. A montaxe da peza que escolliches é de tipo analítico (ritmo externo ou uso de planos fragmentados) ou sintético (planos longos con ritmo interno)? Por que cres que se escolleu este tipo de montaxe?
  3. Percibes algunha elipse temporal? Con que recurso de montaxe se fai? Utilizarías ti o mesmo? Por que?
  4. Atopas algún recurso de manexo psicolóxico do tempo (silencios forzados, ritmo rápido, etc)?
  5. Todo o tempo existe sincronía entre a imaxe e o audio, ou non van xuntos en algún intre? A que achacas isto?

2. Creación

Como verás en todos os capítulos, de forma xenérica facémosvos a proposta de crear unha historia en torno ós mercados locais ou prazas de abastos. Nos mercados hai moitos recursos persoais e materiais que gravar, unha gran variedade cromática e un amplo rango dinámico de sons. As historias que xorden neste tipo de lugares poden ser útiles para tratar contidos de Historia e Xeografía (a evolución dos mercados nas nosas vilas), Economía e Matemáticas (as formas de comercio), Linguas (vocabulario relativo ós diferentes produtos en venta e os oficios), Ciencias e Tecnoloxía (a industria do frío, a fermentación de produtos, os métodos de transporte…), etc.

Se seguistes a orde que vos propoñíamos, no capítulo 6 (BSO) tivestes que saír gravar sons ó mercado ou feira e compuxestes unha pequena peza sonora. A nosa idea é que sigades o exemplo de Alfonso Merino na súa curta Música Doméstica, e que montedes unha peza creativa (é dicir, sen servidume por ningunha historia) e analítica (planos fragmentados e ritmo externo) a partir das gravacións realizadas ese día no mercado (para isto tivestes que ter recollido son e audio, evidentemente). Valorarase que os planos foran gravados cun sentido estético na súa composición, e que exista variedade de tamaños e angulacións cando sexa procedente.

Esa pequena montaxe será utilizada para os títulos de crédito da vosa curta ou como unha peza per se.